Saturday 18 de May de 2024

Antón Reixa clausurou os actos de homenaxe ao artista Manuel Facal no seu 80º aniversario


Dentro das actividades conmemorativas do 80 aniversario do artista Manuel Facal, onte venres celebrouse no Casino de Carballo o último dos actos do programa. A entrada era libre como todos os eventos realizados pola fundación e as expectativas cumpríronse, xa que o salón principal estaba co aforo completo sentado e de pé.

Primeiro falou Xaime Díaz en nome da comisión organizadora para dar a benvida e agradecer ao Concello de Carballo a súa colaboración e ás asociacións que apoiaron o proxecto dende o o primeiro acto do 20 de xullo (día do 80º aniversario de Facal) ata o que pechaba o programa. Lembroulle o concerto do Resentidos no San Xoán do ano 1991, entregándolle un recorte de La Voz de Galicia do 22/07/1991.

A continuación tomou a palabra Miguel Anxo Fernán Vello para presentar ao artista, repasando a súa traxectoria dende os anos 70 como poeta, músico, produtor, guionista e creador audiovisual, a presidencia da SGAE e medalla de ouro ao mérito das belas artes.

E comezou Antón Reixa o seu Concerto Desconcerto, no que recitou os seis poemas promiscuos, transgresores e rompedores, e completando o espectáculo cunha performance de luces, música e vídeos na que estuvo acompañado coma sempre por outro grande da videocreación e da mesa xeneración, Antonio Segade, deleitando a todos os presentes, deixando un bo sabor de boca e o mellor colofón para esta merecida homenaxe a Manuel Facal.